11/02/2025
O Grupo de Investigación BIOMODEM da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, organizará o venres 21 de febreiro, ás 11:00 h unha xornada técnica sobre Distribución Sustentable de Xurro. A xornada terá lugar en Silleda nas instalacións da Feira Internacional de Galicia ABANCA, dentro do marco da feira CIMAG-GANDAGRO. O evento celebrarase a sala Mirador 1 na primeira planta do Pavillón 1. A asistencia á mesma é gratuita e na organización colabora a Fundación Enxeñaría Agronómica para o desenvolvemento de Galicia (FIA
A xornada comezará ás 11:00 h coa intervención dun representante da Consellería do Medio Rural que abordará as últimas novidades normativas en relación co caderno dixital da explotación agrícola e as súas repercusións sobre as aplicacións de fertilizantes. A continuación, ás 11:30 h, terá lugar unha mesa redonda onde os representantes de catro casas comerciais (Talleres Carruxo, Talleres Moga, Díaz e Valín e Durán Maquinaria) achegarán a súa visión sobre o estado actual do mercado de tanques distribuidores de xurro e o impacto sobre el das últimas regulacións.
Na xornada tamén se presentarán dous proxectos innovadores relacionados coa distribución de purín dos grupos operativos PurinPreciso e Agrolab_Biogal. A presentación de PurinPreciso será por conta de representantes de FEUGA, BioModem e o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (AGACAL), mentres que Agrolab_Biogal presentarano a empresa Medrar e BioModem. Os dous proxectos tratan sobre a incorporación de sensores que miden o contido de nutrientes do purín nos tanques distribuidores durante a realización da aplicación. PurinPreciso aborda a utilización de conductímetros e Agrolab_Biogal o uso de tecnoloxía NIR.
Por último, ás 13:00 h pechará a xornada a intervención da investigadora Diana Andrade, pertencente ao Centro de Investigacións Agrarias de Baviera (LfL, Alemaña). No seu relatorio abordará o estado actual dos sistemas de distribución e a análise de purín nos tanques distribuidores en Alemaña.
PURINPRECISO e AGROLAB_BIOGAL están financiados polas axudas para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas nun 80% co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan Estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027, con fondos propios da Xunta de Galicia nun 14% e con fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nun 6%. A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega á que lle corresponde propoñer e executar as directrices xerais no ámbito rural, e engloba as competencias en materia de agricultura, gandaría, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais.
Orzamento total PURINPRECISO: 180.000,00 € (100% subvencionado)
Orzamento total AGROLAB_BIOGAL: 139.999,49 € (100% subvencionado)
BioMODEM - Enxeñaría de Biosistemas
Universidade de Santiago de Compostela - Escola Politécnica Superior de Enxeñaría
R/ Benigno Ledo, Campus Terra · 27002 Lugo · (España)
Telf: +34 982 823 304 · E-mail: info@biomodem.es
Esta páxina web foi financiada polas Axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades do Sistema universitario de Galicia, na modalidade de grupos con potencial de crecemento no ámbito do Sistema universitario de Galicia concedidas pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e pola Consellería de Economía, Emprego e Industria (RESOLUCIÓN do 14 de decembro de 2018). Dende o ano 2008, BioMODEM vén recibindo a designación de Grupo con Potencial de Crecemento pola Xunta de Galicia.